Peixe mariño da superorde dos teleósteos de ata cento vinte centímetros de lonxitude, corpo alongado, dúas aletas dorsais e unha anal, e cor cincenta no lombo e case branca no ventre
Etimoloxía
Voz formada sobre o participio pasado do verbo “pescar” que vén do latín vulgar *piscare de significado semellante.
Exemplos *
“Hoxe farei pescada ao forno, madalenas e algo máis. Traio un carro de cousas que pesa unha tonelada e, ao tempo que vou sacando produtos das bolsas, penso no moito que se desperdicia tantas veces. Cos pementos, chícharos, cebola, tomate, cenorias e demais que me vai sobrar, xa penso nun guiso de carne, para dentro de dous días.” (María Canosa: DisParo, 2016)
“Despois dunha cea en familia, que, entre Sara, o seu home Nando e mais eu, logramos que fose lixeira, unha sopiña e uns lombiños de pescada, aqueles melindres pousados no padal, leváronme na lembranza ata a infancia no noso fogar en Nova York, ao pé do Hudson, onde a miña nai os facía da mesma maneira que agora a tía Castora.” (Miguel Anxo Fernández: Bícame, Frank, 2013)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.