(carduelis carduelis) Paxaro da familia dos frinxílidos coa cabeza branca e negra, cara vermella, ás coa punta branca e unha franxa amarela no centro, co lombo pardo e o rabo negro
Etimoloxía
Voz composta co verbo “picar”, formada sobre “pico” que é sinónimo de ‘peteiro’ e o substantivo “cardo” que vén do latín cardus ‘cardo’.
Exemplos *
“Agora que me acordo, os paxaros que máis me gustaban de neno eran os pimpíns, co seu corpo case de cor rosa e os picacardos, de cara vermella e unha franxa amarela nas ás.” (X.A. Ochoa: La Voz de Galicia, 24-4-2004)
“Constrúe o niño en árbores e sebes, con herba, raíces e mofo, nel pón de 4 a 6 ovos que choca a femia durante 13 días ; os pelachos voan ó cabo doutros 13. Coñecéselle tamén cos nomes de Pintaxilgo, Picacardo, Pintasilvas, Xilgo.” (Xosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira: Guía das aves de Galicia, 1980)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


