Paxaro da familia dos pícidos, que cría nos troncos vellos das árbores, nas que pode verse en posición vertical apoiándose no rabo, e do que existen diversas especies, entre as que as máis comúns son unha de tons verdosos e outra branca e negra
Etimoloxía
Voz composta polos vocábulos “pica” procedente do verbo “picar” e este de “pico” que nos leva ao latín picus desde o latín beccus, voz de orixe celta; máis o termo “pau” do latín palum de significado semellante. O nome científico é Dendrocopos major.
Exemplos *
“Coñecía cantas variedades había pola comarca, o que comían, cando aniñaban, cantos ovos poñían as femias, os días que investían en chocalos, en que tempo deprendían a voar as crías. Sabía onde facían os niños, o peto, o picapau, a calandra, a pega rebordá que o esconde en montes afastados.” (Sindo Seixido: A gloria é un afiador, 1992)
“O festival terá como protagonista o compositor Rogelio Groba, que este ano celebra o seu oitenta e cinco aniversario. No marco desta conmemoración o festival ofrecerá a estrea mundial do seu concerto 'O xílgaro e o picapau', xunto coa interpretación doutras obras da súa autoría.” (redacción: Novas do Eixo Atlántico, nº 43, 8-2015)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.



