pichel

Xerra alta e redonda, máis ancha na base ca no colo, xeralmente de estaño, con tapa unida á asa, que se empregaba para quitar o viño dos pipotes

Etimoloxía

Termo que bebe do equivalente francés antigo pichier por unha alteración de bichier que procede do latín becarius que remitía ao grego bikos ‘ánfora’.

Exemplos *

“Parras tamén moi comúns no patio ou na entrada das tabernas, á sombra das cales os homes facían roldar o pichel de pé ou sentados en banquetas. Excelentes parras de moito porte e abondosas follas, como as que arman as cepas albariñas, que lle fixeron exclamar a Rosalía de Castro: "¡Ouh miña parra de albariñas uvas, / que a túa sombra me dás!".” (Xavier Castro: O Correo Galego, 31-5-2002)

“Antigamente, para poder exercer de picheleiro tiña que posuír unha licencia do concello ou título de picheleiro, que expedía a autoridade do concello despois de superado un exame diante dos "mestres picheleiros" que o declaraba apto para facer picheis, lanternas e tódalas demais cousas que pertenceran ó oficio de picheleiro.” (Xosé Antonio Fidalgo Santamariña: Os saberes tradicionais dos galegos, 2001)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.