Antiga embarcación de pesca, de vela e de remo, lixeira e co fondo aplanado
Etimoloxía
Termo que Corominas vincula ao francés pinasse e que garda relación coa denominación da madeira de piñeiro coa que se facía a embarcación.
Exemplos *
“Na proa das pinazas mais lixeiras ían os atelieiros de pé fitando a superficie do mar na procura do peixe. Voaban diante deles os araus, as gaivotas, os galos mariños e as pardelas, carrulos, canilongas... Axiña apareceron tamén os golfiños, arroases, candorcas e corvinas a participaren na grande festa” (Víctor Fdez. Freixanes: O triángulo inscrito na circunferencia, 1982)
“Pelexar na escuridade é difícil mais os barcos ardendo –pinaza chea de barrís de pólvora e logo un bo canonazo certeiro cando estea a carón do obxectivo– son sempre un bo faro. Mark sorrí ante este pensamento.” (María Reimóndez Meilán: Pirata, 2009)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


