píntega

(Salamandra salamandra) Anfibio da familia dos salamándridos coa pel lisa e brillante, de cor negra con manchas amarelas.

Etimoloxía

Deriva de pinta, creada a partir do verbo pintar, tomado do latín vulgar pinctare.

Exemplos *

“… situar as lendas no seu lugar e devolver a píntega á sona que merece, pois, sendo xusto hai que recoñecer que guapa non é, pero si interesante tanto para o equilibrio natural como para os agricultores aos que lles limpa o horto de caracois, lesmas e demais bicharía amante das mellores hortalizas.” (Xosé Salvadores: Cerna 03-2010)

“… pensei que quen andaba namorado ben podería escoitar paxaros cantaren no fondo do río ou píntegas coloradas a bailaren unha muiñeira sobre os penedos.” (Miguel A. Mato Fondo: Xope de Lilaina)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.