polbo

Molusco mariño sen cuncha da clase dos cefalópodos (Octopus vulgaris), de corpo globoso e oito brazos ou tentáculos con ventosas, chamados raxos.

Etimoloxía

O vocábulo procede do grego pólypous 'de moitos pés' a través do latín polypus 'polbo'.

Exemplos *

"Fun tomar o polbo cuns colegas ó coto de Santa Susana e logo comín, coma un rei, por certo, no Cosa nostra." (Euloxio R. Ruibal: De corpo enteiro)

"Que diría un polbo ao contemplarse fervendo nunha pota, picado nunha escudela con pemento, óleo e sal groso" (Xoán Fuentes Castro: O pescador de cana)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.