Terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, especialmente de maceiras
Etimoloxía
Voz que procede do latín vulgar *pomarius que remite ao clásico pomus ‘árbore froiteira’.
Exemplos *
“El mesmo entrou na paisaxe, coa taleiga e o caxato ao lombo; dirixiuse á camposa. Tomou algunhas froitas ao cruzar un pomar con abundancia de mazás, laranxas, nésperas e cereixas.” (M. Lourenzo González: Noites de papel, 1997)
“Danse a volta no cabalo para ollar as pallozas cativas (...). Ó seu redor, nos lombos ermos, rarean as queirugas e os toxos. Nas valgadas, os pomares e as cerdeiras érguense nos lindeiros; as searas comezan a dar o seu froito.” (Xosé Miranda: Infancia e desventura de Lino Carrán, 2000)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


