Mamífero carniceiro da familia dos mustélidos de pelo longo e espeso, agrisado no lombo, negro nas patas e no ventre e abrancazado na cabeza con dúas listas negras que van desde o fociño ata detrás das orellas, que vive en tobos profundos e ten costumes nocturnos.
Etimoloxía
Frase formada por “porco” que vén do latín porcus de significado semellante e “teixo” do latín tardío taxone ‘teixugo’.
Exemplos *
“A abundancia de bosques de folla caduca e o esgrevio do terreo permiten unha variada fauna. Así, entre os mamíferos, o xabaril, o porco teixo, o esquío, a lontra ou o auganeiro. En canto ás aves, a garza cincenta, a cerceta, e mesmo anfibios como o pintafontes.” (Xosé Lois Ripalda: O pais dos mil ríos. Cultura fluvial en Galicia, 2009)
“–E que fas ? _ pregunteille a xeito de saúdo.
–Pois xa ves ! Vou facer unha sebe nun labradío que levo aí enriba para que o porco teixo non me estrague o maínzo.” (Hixinio Puentes: O bandido Casanova, 2000)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.