positivar

Obter o positivo dunha fotografía

Etimoloxía

Vocábulo formado sobre “positivo” co significado ‘proba fotográfica a partir do negativo’ que vén do latín positivus, -a, -um ‘convencional’ ou ‘o que está posicionado’.

Exemplos *

“Ao cabo, o álbum semellaba máis un negativo das súas vidas, algo que cumpría positivar, e Aldara fora o reactivo, a súa presenza fora o revelador das sombras, a comezar pola de Aurelio.” (Xabier Paz: As vidas de Nito, 2013)

“Habería que positivar do pasado aquelas imaxes que se foron gravando nas sucesivas xeracións deica chegar a nós e descubri-las que se ocultaron e destruíron.” (Miguel A. Seixas: O Correo Galego, 27-11-2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.