pradairo

Árbore da familia das aceráceas, de copa ampla, casca lisa e agrisada, follas caducas lobuladas e dentadas, flores en acios colgantes e froitos miúdos en sámara / Madeira desta árbore

Etimoloxía

A voz chega desde o latín vulgar platanariu onde tamén era o nome da árbore.

Exemplos *

“Co corpo alombado contra unha xaneliña, conseguín estricar as pernas nun espazo minúsculo. Dende as fiestras, mentres o tren avanzaba despois de cada parada, puiden observar como a xente camiñaba coas súas pertenzas a través duns carreiros de cor vermella que se perdían entre pradairos.” (Xerardo AgraFoxo: Viaxe á última revolución, 2016)

“Paseniñamente, o monte de Coruxo foi recuperando as estacións perdidas : as cores do outono, os cheiros da primavera, os cantos das aves... Á plantación de miles de castiñeiros, cerdeiras, bidueiros ou pradairos sucederíalle a de érbedos, acivros, capudres ou sobreiras.” (Rubén Blanco e Afonso S. Rodríguez: Cerna. Revista galega de ecoloxía e medio ambiente, 2018)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.