pratada

Cantidade de comida que cabe nunha prata

Etimoloxía

Palabra derivada que se forma sobre o substantivo “prato” que vén do latín vulgar *plattus 'plano', e este remite ao grego platýs 'ancho', 'plano'.

Exemplos *

“Os mestres comen o seu queixo e o seu doce de marmelo con deliberada lentitude, coma se estivesen celebrando algún rito. Mentres tanto, o Roberto dá conta dunha boa pratada de filloas.” (Darío Xohán Cabana: O cervo na torre, 1994)

“A outra feira levou unha xatiña e estábanlla apreciando os homes, vaise e dime: «Terma aí un pouco dela que vou comer unha pratada de callos á de Ferreira, antes de que se acaben». E volveu despois ás desfeitas, téndoa que vender pola metade do que valía.” (Manuel Anxo Laxe Freire: Loita e morte, 1986)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.