preámbulo

Parte que precede un texto ou un discurso, onde se explican os motivos, os fins etc., deste.

Etimoloxía

A súa orixe está no adxectivo latino praeambulus, -a, -um 'que camiña diante', formado sobre ambulare 'camiñar'.

Exemplos *

"O dereito das mulleres a vivir sen violencia é unha manifestación do dereito fundamental a unha vida digna da que se fala no Preámbulo da nosa Constitución e por iso a resposta estatal como garante dos nosos dereitos máis básicos ten que se dar a todos os niveis: lexislativo, executivo e xudicial." (Ana Taba: Tratamento da violencia de xénero dende as políticas de igualdade)

"… no preámbulo da Carta europea para as linguas rexionais ou minoritarias xa se subliñaba o valor do interculturalismo e do bilingüismo, considerando que a protección e o favorecemento das linguas rexionais ou minoritarias non se deberían facer en detrimento das linguas oficiais e da necesidade de as aprender." (Goretti Sanmartín Rei: Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.