Estrela de neutróns en rápida rotación que emite radiacións moi intensas a intervalos regulares
Etimoloxía
Termo que procede do inglés pulsar, acrónimo de pulsating star 'estrela palpitante'.
Exemplos *
“Algúns púlsares forman un sistema binario, principalmente cunha anana branca. Cando o intenso feixe de radiación do púlsar desgasta a súa compañeira denomínaselle púlsar de viúva negra, pola perda de masa que provoca no outro corpo.” (Pedro José Carcajosa Arroyo: Dos quarks á próxima extinción. Unha viaxe fascinante pola historia do Universo e a vida, 2012)
“Era coma se todo o Universo se convertese nun gran púlsar que só emitía sinais de radio, reiteradamente.” (Xosé Durán: O asasino invisible, 1998)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


