quimono

Peza de vestir xaponesa con forma de túnica aberta por diante, de mangas longas e sen costuras, que se pon cruzando un lado sobre outro e se cingue cun cinto

Etimoloxía

Vocábulo que bebe do termo xaponés kimono ‘vestimenta’.

Exemplos *

“Vira unha exhibición na Solana (...) e ó remate da mesma invitaron a que se inscribisen os que o desexasen. Anque contaba sete anos xa lle chamaba a atención o deporte e foi dos que deu o paso adiante. "Era tan pouco coñecido o judo naquela época que había que pedi-los quimonos a Madrid", afirma.” (Emilio Navaza: O Correo Galego, 26-2-1996)

“Din os que a viron por última vez, asomada á varanda da cuberta do transatlántico, que vestía un quimono e que se facía acompañar por un criado que se parecía moito ao seu prometido.” (Leticia Vila Sexto: Os tratantes de papagaios, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.