quinado, -a

Viño ou outro líquido, xeralmente medicamentoso que se prepara con quina

Etimoloxía

Palabra derivada sobre “quina” que vén da redución do vocábulo quechua kinakina, nome do arbusto de onde se extrae a quinina.

Exemplos *

“Ben se alegaban que precisaban a caña con urxencia por mor dunha dor de moas. De cando en cando, tomaban tamén as mulleres algunha copiña de quinado, medicinal ó cabo, para os intres nos que as aflixían as dores.” (Xavier Castro: Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX, 2007)

“Atopou no patio ao cocheiro de Palacio ferrando ao cabalo pedrés de paseo e púxose de leria con el. Despois subiu ao comedor e pasou o almorzo con facilidade, tomou unha copa de viño quinado e fixo sonar a campaíña de prata para que lle trouxeran a prensa do día.” (Carlos Casares: Ilustrísima, 1980)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.