radiograma

Mensaxe transmitida por radiotelegrafía

Etimoloxía

Termo que se forma pola partícula “radio”, redución de “radiofonía” e o sufixo  “-grama” que procede do grego grámma ‘escrita’.

Exemplos *

“Ese intertroque de radiogramas / que reeditaron os faros e as estrelas / dou-nos a multiplicación monótona / d’as mesmas letras d’o mesmo morse” (Manuel Antonio: “Travesía” en De catro a catro, 1928)

“-Un día fomos a cargar toradas de cedro -conta Pena- a Chira, unha illa da banda do Pacífico, tan cativa que nin aparecía na carta náutica. Cruzamos de volta o canal de Panamá e recibo un radiograma no que me ordenan ir a “completar carga a Puerto Limón”. (Xosé Neira Vilas: Galegos no Golfo de México, 1980)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.