Novela que se difunde por radio en forma de capítulos breves e xeralmente diarios.
Etimoloxía
Compúxose a partir de radio (forma reducida de radiodifusión, a partir do latín radius –i ‘raio’), e novela (tomado do italiano novella ‘noticia’ e este do latín novellus –a –um ‘novo’).
Exemplos *
“Ela non era da súa clase, pensaba, e pensábao a pesar das moitas historias que se contan de príncipes e plebeas, a pesar de tantas historias de amor que inundan as tardes de radionovela, nas que sempre a fea acaba por volverse guapa …” (Francisco A. Vidal: Os pecados capitais)
“As voces dos locutores radiofónicos saen máis estridentes e electrizadas, e as radios parecen como máis antigas, máis de patio e radionovela …” (Aníbal C. Malvar: Unha noite con Carla)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.