raño

Arte de pesca formada por un angazo de ferro que se arrastra polo fondo para levantar o marisco, o cal queda depositado nunha rede que vai detrás

Etimoloxía

Substantivo que se crea desde o verbo “rañar” denominación de orixe incerta.

Exemplos *

“Dende as barcas, con longos raños, os mariscadores rabuñaban o fondo mariño. Un deles parou de faenar e mirou cara ao tren, coa man de viseira, erguido sobre o abaneo do mar.” (Manuel Rivas: O lapis do carpinteiro, 1998)

“Non te preocupes, que non ha aparecer, alí non van nin os arrastreiros nin co raño a por ameixa.” (Suso de Toro: Calzados Lola, 1998)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.