rateador, -a

Gato que é bo cazador de ratos

Etimoloxía

Vocábulo derivado sobre “ratear” que, á súa vez, se crea coa palabra “rato” que vén do latín vulgar rattu, que partía da onomatopea que imitaba o ruído que facía o animal ao roer.

Exemplos *

“Non podía ver maltrata-los animales. Fosen dela ou doutro. Rifáballe ó que o fixera. (...) Ós seus queríalles moito. Tiña un gato moi rateador, moi limpo e nada larpeiro, que por ningunha cousa do mundo o quixera perder. Ser, era moi cariñoso. (...) Faltáballe falar namais.” (Xosé Lesta Meis: Estebo, 1927)

“Ademais gañouse o respecto de toda a casa por dúas cousas: polo o instinto depredador que posuía (era unha formidable rateadora) e polo limpa e elegante que era: avanzaba suavemente polo corredor coma a versión doméstica dunha pequena panteira (elástica, brillante, escintilando).” (Gonzalo Trasbach: La Voz de Galicia, 31-3-2019)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.