recuncar

Comer máis ou beber de novo do mesmo que se acaba de comer ou beber / Volver facer

Etimoloxía

Vocábulo que se forma co prefixo “re-“ que indica repetición aplicado ao substantivo “cunca” que bebe do latín concha de significado semellante.

Exemplos *

“Quen, de xeito solermiño, / de Valdeorras, beba o viño: / Coñecerá, ao recuncar, / que anda a darlle, ao paladar / e á mente, lus e aloumiño.” (Florencio Delgado Gurriarán: “In vino veritas”, Cantarena, 1981)

“O do bar volveu traerme un pincho de tortilla. Bebín o viño restante dun grolo e indiqueille co vaso baleiro que quería recuncar.” (Suso de Toro: Calzados Lola, 1998)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.