Humidade do aire que co frío da noite se condensa e se deposita en pingas pequenas
Etimoloxía
Voz que procede do latín roscidum ‘cheo de resío’.
Exemplos *
“O aire era fresco. Daba gusto respiralo, sentir a súa limpeza, o seu arrecendo vexetal. Ulía a herbas e flores molladas polo resío, polo orballo fecundador e purificador que silandeiramente fora caendo durante a noite.” (Bernardino Graña: Curros Enríquez e os gansos, 2011)
“Ao día seguinte, nada máis erguela, Antonio levouna fóra. En saíndo da casa víanse os prados verdes das abas do monte Entrecotos, resplandecentes baixo o sol de xuño, algo mollada aínda a herba polo resío da madrugada.” (María Xosé Castelo Lestón: Obras breves de imaxinación. Obras gañadoras do Premio de Relatos Mulleres Progresistas 2007-2011, 2011)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


