revista

Publicación periódica que contén artigos sobre un ou determinados temas, de menor formato ca un diario e polo xeral de papel de maior calidade

Etimoloxía

Crese que vén do verbo “revistar” e este sobre “vista”, participio de videre, ‘ver’.

Exemplos *

“E iso porque aos centos de novelas que publicou en vida hailles que sumar dúas ou tres ducias de novelas póstumas e un bo número de relatos, artigos e colaboracións espallados por xornais e revistas de toda índole.” (Xabier López López: Os libros prestados, 2010)

“Estas dúas revistas, de acordo co seu enfoque democrático e progresista, ocupábanse con certa frecuencia de cuestións relacionadas coa situación social das mulleres e do incipiente movemento feminista que daquela había en España.” (Agustín Fernández Paz: O rastro que deixamos, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.