rícino

Planta orixinaria de África da familia das euforbiáceas (Ricinus communis), con follas grandes lobuladas, que dá uns froitos cunhas sementes das cales se extrae un aceite purgante.

Etimoloxía

A palabra chega a través do latín ricicus, –i que significaba 'rícino', pero tamén 'carracho' e 'semente de moreira'.

Exemplos *

"A conxestión, á parte dos purgantes (aceite de rícino, sal da figueira, (…), etc.), ten o seu máis frecuente tratamento na sangría, o mesmo que no "ramo de sangue"." (Manuel Cabaleiro Goás: A psiquiatría na medicina popular galega)

"-Eu coido que non debe pasarse co rícino, pero unha dose axustada ó mellor non lle sentaba mal…" (Isidro Novo: Por unha presa de machacantes)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.