Que ri ou sorrí con facilidade, que amosa habitualmente alegría no seu rostro.
Etimoloxía
Este adxectivo é un derivado de risa ou riso, que proceden do latín risus.
Exemplos *
"O neno ficaba arroubado, pensando quizais en como sería a preguiza dos viños, e, máis concretamente, do branco aquel que o poeta Cunqueiro caracterizara como fresco, riseiro e solto de agulla." (Euloxio R. Ruibal: De corpo enteiro)
"Como unha luz fugaz, o rostro do elegante descoñecido desa mesma sobremesa cruzárase, riseiro, perante a miña ollada." (Xosé Ramón Pena: A era de Acuario
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.