(Rosmarinus officinalis) Arbusto aromático da familia das labiadas, de follas pequenas e lineais, tomentosas polo envés, e flores azuis ou abrancazadas, tamén pequenas.
Etimoloxía
Considérase que procede do nome latino da planta, ros maris ou ros marinus.
Exemplos *
“Correu presa de axitados saloucos, aspirando con fruición liberadora o recendo a romeu das beiras do camiño e desfacéndose do sabor a pólvora …” (Claudio Rodríguez Fer: A muller loba)
“… o prato preferido do barón composto dunhas perdices asadas con castañas e prebe feito de viño tostado e mel de romeu e outras herbas aromáticas que era unha forma exclusiva da casa …” (Lalo Vázquez Xil: A da alba sería)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.