

(Luscinia megarhynchos) Paxaro pequeno da familia dos túrdidos, de cor castaña, máis arrubiada na cola e clara no ventre, que ten sona pola fermosura do seu canto.
Etimoloxía
A súa orixe remóntase ao latín vulgar *lusciniolus, que deu no occitano rossinhol, de onde o tomamos nós.
Exemplos *
“Velaí, rousinol, como a paixón descende pola intemperie hostil dos espigóns …” (Alexandre Nerium: Vogar de couse)
“Ó soñar soño co amor, cun bico feito de aromas, co cantar dun rousinol, coa dozura dunha pomba.” (Paco Rivas: Cantaruxos do meu mar e outras cantigas)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.