Comida que ten como ingrediente principal os roxóns e que se fai na época da mata
Etimoloxía
Designación que se forma a partir da voz “roxón” que se vincula co latín rubens, -entis , ‘vermello’ ou ‘avermellado’, logo nas linguas iberorrománicas aparecen derivados sobre roseus ‘vermello’ coa idea de ‘poñer vermello o forno’ ou ‘torrar’ e de aí o produto de torrar a carne.
Exemplos *
“A matanza, a sega, a malla e todos os labores do agro facíanse de roga. O contacto entre as persoas e a convivencia eran inevitables. Nunha roxoada, na casa de Rego, David estaba sentado detrás da cociña económica, no mesado de mármore, e as mulleres disputaban poñerse cabo del.” (Xesús Valcárcel: Os ollos da sentinela, 1997)
“—Eu de min sei dicir que anque penso ir a algunhas roxoadas i encherme canto poida, non penso comer aló moitos roxós que digamos, porque me fan mal peito.” (AA.VV.: O tío Marcos da Portela, nº 27, 1877)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


