Condimento que se prepara fritindo con aceite ou manteiga diversos ingredientes como cebola, pemento ou allo
Etimoloxía
Palabra derivada sobre o verbo “rustrir” que procede do fráncico *hraustjan ‘asar’ ou ‘torrar’.
Exemplos *
“En efecto, o aceite resultaba indispensable para preparar o rustrido, que, por exemplo, se empregaba para aderezar o bacallau con repolo, que estaba presente en practicamente todas as casas aldeás en Noiteboa.” (Xavier Castro: Galicia Hoxe, 17-4-2009)
“Agora, se a miña moza di que vai facer a comida para os dous _explícame_, iso quere dicir que vai pilotar gozosos rustridos en tixolas onde campan, fachendosos, os mellores produtos da nosa terra.” (Diego Ameixeiras: Tres segundos de memoria, 2007)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.