(Sambucus nigra) Arbusto da familia das caprifoliáceas, de dous a cinco metros de altura, co tronco de cortiza parda e engurrada e abundante miolo branco, moi ramificado, follas imparipinnadas de cheiro desagradable e flores pequenas e brancas en corimbo.
Etimoloxía
Deriva de sabugo, e este procede do nome latino da árbore, sabucus, -i.
Exemplos *
“O día de San Xoán as mozas saen de mañanciña a apañar ramas de sabugueiro para as chantar nos campos de liño e pólas nas ventás da casa, co fin de defendela das meigas.” (Fina María Antón e Manuel Mandianes: O ciclo da vida)
“… fixen un encantamento sobre a cama da nena e deille a tomar xarxa e unlla de cabalo contra a tose, cardo mariano para a febre, prímula e sabugueiro para mellorar as vías respiratorias, serpol e capuchinas para a apatía e para a difteria.” (Teresa Moure: Herba moura)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.