salario

Cantidade que alguén recibe periodicamente, como pagamento dun traballo ou servizo, especialmente o que se fai por conta allea.

Etimoloxía

En latín denominábase salarium, -i o diñeiro que se lles daba aos soldados para mercaren o sal e de aí pasou ao sentido que hoxe coñecemos.

Exemplos *

"O estudo chega á conclusión, unha vez máis, de que as mulleres se atopan con máis trabas para ascender debido ás barreiras institucionais -fálase de salarios máis baixos, menos espazo no laboratorio, menos recursos, premios e crédito por actividades externas- e as distintas aspiracións profesionais e vitais entre os sexos." (Galicia Hoxe 09-03-2007)

"… que exista unha definición clara do concepto de salario, de forma que non se teña en conta unicamente o soldo base, senón tamén todo tipo de emolumentos, gratificacións e complementos salariais, que é o que marca ó final a diferenza de retribución entre homes e mulleres." (O Correo Galego 02-06-1999)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.