salmón

(Salmo salar) Peixe da familia dos salmónidos, de corpo alongado, dorso cincento, ventre prateado e carne de cor rosa suave tirando lixeiramente a alaranxada, moi apreciada, que nace no río e vai despois dalgún tempo ao mar, desde onde regresa ao río de orixe para desovar.

Etimoloxía

Evolucionou desde o latín salmo –onis.

Exemplos *

”Falar do salmón é falar do Príncipe do Río, da carne rosada, da gastronomía exquisita que dá satisfacción ós padais máis esixentes.” (Mariano García e Fina Casalderrey: Festas gastronómicas de Galicia. Festas, receitas, calendario e puntos de interese turístico)

“O salmón era un peixe que se movía tanto no mar como no río, que sabía facer a viaxe de volta desde a fin ata a orixe e volver a empezar de novo.” (Suso de Toro: O país da brétema. Unha viaxe no tempo pola cultura celta)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.