Auga en pingas moi miúdas ou escuma que producen as ondas do mar ao bater contra as rochas ou contra unha embarcación / Auga en pingas moi finas que levanta o vento da superficie do mar e que forma unha especie de néboa espesa
Etimoloxía
Vocábulo derivado sobre “salsa” que nos remite ao latín salsa ‘salgada’.
Exemplos *
“Rosa lembrou os temporais de inverno na praia solitaria de Razo, o mar batendo nos cantís e o salseiro a mollar as hortas e as leiras de Arnados.” (Xurxo Borrazás: Costa Norte / ZFK, 2008)
“Contemplaba desde un alto o vento mariño disfrazado na crista dos salseiros que se dirixían en dócil galope cara ás praias deshabitadas. Os seus únicos moradores eran as aves inmóbiles que, dándolle o bico ao vento, aturaban estoicas o duro asalto da choiva salgada.” (Miguel Mato Fondo: Adeus, capitán Walton, 2018)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


