salvaxe

Que crece espontaneamente, sen ser cultivado / que vive en liberdade na natureza ou que non está domesticado

Etimoloxía

Vocábulo que bebe do catalán salvatge que, á súa vez, remite ao occitano cun significado semellante.

Exemplos *

“O Sarridal, Fábrega e o Carro son tres salvaxes praias de mar aberto. Débese ter coidado coa forte resaca e a altura das marés, xa que coa preamar e ondas grandes pode ser moi perigoso mesmo camiñar pola estreita banda de area e croios que fica no sopé do cantil..” (Adela Leiro, Xoán Colazo e Mon Daporta: Sermos Galiza, 3-8-2012)

“A fraga gañou un repentino protagonismo e comezaron a oírse voces dos seus poboadores naturais. Voces de animais salvaxes, de aves nocturnas e de paxaros miúdos. Diálogos de raposos e lobos, de mouchos e curuxas, de vermes verdes e vagalumes, cun fondo de ladros de cans domésticos ó lonxe, aló polas costas de Santa María Maior.” (Carlos G. Reigosa: A lei das ánimas. A novela da santa compaña, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.