Árbore das anxiospermas, propia das costas da India e de Oceanía, de madeira moi recendente, follas grosas, flores pequenas e froito en forma de cereixa, da que existen varias especies
Etimoloxía
Aínda que procede do latín medieval sandalum, -i, a orixe remóntase ao grego sándalon designado a mesma planta.
Exemplos *
“Un aroma de sándalo espallábase desde un queimador situado en riba da mesiña baixa e o perfume mesturábase con outro anterior de incenso.” (Manuel Forcadela: Fóra de xogo, 1993)
“Loce un esplendoroso vestido de granate e ouro moi decotado , todo guarnido de pedraría, e arrecéndelle a pel a sándalo e xazmín arábigos” (Víctor Fernández Freixanes: O enxoval da noiva, 1988)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.