sanguiño

Arbusto da familia das ramnáceas, de madeira flexible, casca escura empregada para facer remedios, follas ovadas e froitos en drupa vermellos, que se tornan negros cando están maduros

Etimoloxía

Palabra que se crea sobre a latina sanguineu que significa ‘da cor do sangue’.

Exemplos *

“O fungar do vento case amata o chío / que as treitoiras botan, de amieiro ou sanguiño / cô eixo dun carro, que foi construido / seguindo consellos nun cantar ouvidos.” (Florencio Delgado Gurriarán: “Paisaxes de inverno”, Cantarenas, 1981)

“Se chovese tanto e tanto tempo que as zarrotas estoupasen nun aire húmido, que as estrugas e as silveiras tapasen as pisadas dos homes e das bestas, que onde hai hoxe unha curripa xermolasen as faias, os teixos, as follas de acivros, o toxo arnal, o sanguiño, o capudre.” (Xosé Miranda: Infancia e desventura de Lino Carrán, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.