sapeli

Árbore da familia das meliáceas propia das selvas tropicais africanas, de elevada altura, tronco esvelto, follas paripinnadas e madeira dura e avermellada, similar á caoba / Madeira desta árbore

Etimoloxía

Termo que recollemos do equivalente francés sapelli que, á súa vez, é unha adaptación dunha palabra do Camerún.

Exemplos *

“A seguir, sen presa, pon nos labios un ducados e aproveita a luz oblicua que penetra a aquela hora da tarde no taller, amarelecida por un sol preguiceiro, para contemplar con satisfacción aquela fermosa peza de sapeli, o seu marrón tostado case uniforme, só interrompido pola leveza dalgunha veta albeira e irregular.” (Manuel Portas: Un dedo manchado de tinta, 2011)

“Tradicionalmente, na construción naval as partes estruturais (quilla, roda, codaste, cadernas, regala...) son de carballo ben curado, e os bances, plan e panetas / paneis de piñeiro, usándose actualmente eucalipto, sapeli, elondo, iroko, forrando con chapa fenólica mariña; asemade, sorprende nalgunhas antigas embarcacións de Ferrolterra atopar pezas labradas en madeiras exóticas.” (Bernardo Máiz Vázquez e Enrique Freire Hermida: As embarcacións tradicionais do arco ártabro a Ribadeo, 2009)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.