sardiña

Peixe da familia dos clupeidos (Sardina pilchardus), duns vinte e cinco centímetros, de cor azul verdosa no lombo e prateada no ventre, que vive en cardumes.

Etimoloxía

Procede do latín sardina, -ae, que para algúns autores podería derivar de sardus 'sardo', por abundar este peixe nas costas da illa de Sardeña.

Exemplos *

"… agosto unha data axeitada na que as sardiñas están no cume do seu sabor para seren degustadas, malia o que diga o refrán de que por San Xoán a sardiña pinga o pan (en San Xoán comeza a tempada)."  (Mariano García e Fina Casalderrey: Festas gastronómicas de Galicia. Festas, receitas, calendario e puntos de interese turístico)

"Na taberna había un cheiro agre a serraduras molladas e por detrás da barra flotaba un recendo de sardiñas secas." (Xesús Fraga: Tute para catro)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.