Instrumento musical de vento formado por tubo de metal en forma de cono, curvado coma un u.
Etimoloxía
O nome deste instrumento deriva do apelido do seu creador, Adolphe Sax, combinado co elemento de orixe grega fon 'son, voz'.
Exemplos *
"Miro era un señorito de Ourense que asistía a uns cursos de jazz, e que facía todo o posible por aprender a toca-lo saxofón." (Ramiro Fonte: As regras do xogo (dez relatos en xénero negro))
"Hai noites de verán nas que abro por completo a fiestra e deixo que os dedos percorran o saxofón na procura de novas melodías ou perdo o tempo en improvisar sobre os discos de John Coltrane." (Xesús Fraga: Tute para catro)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.