Cámara alta do Parlamento, propia dos países en que este está formado por dúas asembleas de representantes e integrada polos senadores, que ten como funcións a representación dos territorios e a revisión das leis procedentes do Congreso para aprobalas, modificalas ou rexeitalas.
Etimoloxía
Palabra que collemos do latín senatus de significado semellante.
Exemplos *
“Houbo unha iniciativa interesante de Antonio Fontán, presidente do senado, que foi barallada e descartada: restablecer os estatutos do ano 36.” (Suso de Toro: Camilo Nogueira e outras voces, 1991)
“No Estado español utilízase nas eleccións ao Senado un sistema maioritario corrixido: as distintas candidaturas só poden propor tres candidatos como máximo, pero os votantes elixen catro; o cuarto representa ás minorías.” (Luís Humberto Busto Abella et al.: Noema. Iniciación á filosofía, 1983)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.