separata

Cada un dos exemplares dun artigo ou dun capítulo dun libro ou revista que se publican por separado aproveitando a mesma composición tipográfica

Etimoloxía

Termo culto que se forma sobre o latín separata ‘separadas’.

Exemplos *

“Como xa sucedera con outros escritores galegos, (...), "Papeles de Son Armadans" que acolleu na súa traxectoria cultural moitas colaboracións do país, editaba con frecuencia estas separatas das colaboracións incluídas na revista, correspondendo a de Celso Emilio Ferreiro co número LVII do mes de decembro de 1960.” (Xavier Castro Rodríguez: Galicia Hoxe, 18-4-2009)

“Tamén lle entregaban separatas e fotocopias de artigos escritos por eles mesmos para que os lera cando tivese tempo e, se non era abusar, lles fixera chegar un comentario.” (Xosé Cermeño: Os nervios da cabeza / Unha beca para estudiar a física do movemento, 1994)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.