serial

Obra, especialmente novela, difundida pola radio ou a televisión en capítulos sucesivos.

Etimoloxía

Deriva de serie, chegada do latín series –ei ‘sucesión’, do verbo serere ‘encadear’.

Exemplos *

“”Guiding Light”, o serial de maior duración da historia, deixará de emitirse a partir do mes de setembro, tras 72 anos de emisión e 15.700 episodios realizados, primeiro na radio e logo na televisión.” (Galicia Hoxe 03-04-2009)

“E no primeiro día de clase, relatando as vacacións, dixen, doutoral, ante os meus colegas:
-Os seriais da radio son instrumentos de alienación colectiva.” (Xavier Alcalá: A nosa cinza)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.