socalco

Terra de cultivo contida por un valado de pedra nun terreo moi pendente

Etimoloxía

Derivado regresivo que xorde do verbo “socalcar”, á súa vez, este fórmase sobre “calcar” que remite ao latín calcare ‘pisar’.

Exemplos *

“Deixaramos o Miño do Ribeiro e o dos socalcos, moitos xa abandonados, que hai chegando á vila dos Peares. Pasaramos tamén Monforte, debiamos andar polas foces do Sil, nas súas impoñentes series de gargantas que desaparecían e volvían aparecer, cos seus túneles e as súas sombras, como refrescando o abafo que despedía a tarde.” (Anxo Angueira: Bágoas de facer illas, 1997)

“Os podadores escollían cinco ou seis varas de cada cepa e as ataban aos arames. Elixían aquelas que tiñan varias xemas, onde aparecerían abrochos na primavera, e cortaban as demais. Logo, antes de pasar ao seguinte socalco, recollerían no tractor os paus que puidesen servir como leña e deixarían apodrentar o resto no chan.” (Domingo Villar: A praia dos afogados, 2009)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.