Cada unha das dúas pequenas tiras de carne musculosa e tenra que se estenden entre o lombo e as costelas do animal despezado
Etimoloxía
Palabra prefixada formada co substantivo “lombo” que chega desde o latín lumbum ao que se lle engade a preposición “so”, a modo de prefixo, literalmente di ‘baixo o lombo’.
Exemplos *
“A propia tona do leite do animal culminada con amorodos salvaxes da beira do Eume e un chisco de angostura fan a sobremesa ideal despois dun solombo de boi, non todo vai ser vaca con puré de castañas e pasas de Corinto, todo iso regado por un bo mencía da terra...” (Gustavo Pernas Cora: Isóbaras, 2013)
“Nas carnes, solombo ao mencía, richada, xarrete, magrete foie de parrulo e, a maiores, unha boa variedade de pratos de picar como remexidos, croquetas ou pementos. Destes últimos exquisitos os de Seixalbo.” (Xosé Rey: A Nosa Terra, 2009)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.