somorgullo

Ave acuática de peteiro fino e colo longo, da que existen varias especies, que habita en lagos, lagoas e outras zonas anegadas con abundante vexetación, e que se alimenta de peixes e outros animais acuáticos que captura mergullándose repetidamente.

Etimoloxía

A denominación latina era mergus, -i, pero nela influíu a forma do verbo submergere 'mergullar'.

Exemplos *

"Somorgullo pequeno é a ave acuática de menor tamaño, pois pouco máis é ca un estorniño …" (X.M. Penas Patiño, C. Pedreira e C. Rodríguez Silvar: Guía das aves de Galicia)

"… a dúbida de se era ou non un cisne real aquela mancha case branca que voaba, un somorgullo …" (Alfredo Conde: O Correo Galego 14-02-1996)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.