A voz humana máis aguda, propia das mulleres e dos nenos // Cantante que posúe esta voz
Etimoloxía
Préstamo do italiano soprano que, á súa vez, bebe do baixo latín superanus ‘que está por riba dos demais’.
Exemplos *
“Tocara na tesitura que tocara as súas palabras semellaban a melodía dunha romanza de Mompou ou Clapisson interpretada por unha soprano con trasnos a rebuldar na súa gorxa.” (Alberto Canal: O amor nos escuros días de Birkenau, 2016)
“A tía Perfecta non fora actriz, senón que fora soprano. Unha famosa cantante de ópera especializada en papeis tráxicos que viaxara por todo o mundo.” (Teresa González Costa: A filla do ladrón de bicicletas, 2011)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.