sororidade

Solidariedade entre mulleres

Etimoloxía

Termo documentado por primeira vez no século XVI, co significado de ‘irmandade de mulleres’ que remite a forma medieval latina sororitas, sororitatis, cun sentido semellante, derivada do substantivo soror, sororis ‘irmá’,

Exemplos *

“Nun plano onde se cruza o persoal co político, está a sororidade, e cando nos referimos a ela queremos facer un recoñecemento explícito do traballo voluntario, moitas veces invisibilizado, que realizan miles de mulleres para mellorar a vida daqueloutras que sofren violencia.” (Chis Oliveira e Amada Traba: Ám@me. Pensar o amor no século XXI, 2018)

“Que sería de nós sen a sororidade? Sen sabermos preto, ao carón unhas das outras, ás veces adiante unhas sinalando o camiño, ás veces outras nestas fileiras de formigas avanzando con tanta dificultade?” (Luz Darriba: Nós Diario, 20-7-2018)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.