taller

Lugar onde se traballa nunha actividade ou oficio de carácter manual.

Etimoloxía

Considérase que procede do francés atelier, que en principio era o lugar onde se traballaba a madeira.

Exemplos *

“Foran perdendo contacto cando os máis do grupo marcharan para a universidade e el se puxera a traballar no taller familiar, morto xa o pai.” (Manuel Portas: Denso recendo a salgado)

“A artesanía do encaixe galego segue viva e as mulleres continuarán mantendo a súa devanceira forma de traballo artesán, facendo de cada casa, un taller e de cada muller, unha traballadora.” (Mario Gallego Rei: Os encaixes)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.