tarantela

Danza napolitana de movementos vivos que se acompaña xeralmente de pandeireta e castañolas / Música que acompaña esta danza

Etimoloxía

Préstamo do italiano, onde o vocábulo está relacionado con tarantola ‘tarántula’ xa que crían que o baile curaba os picados por esta araña.

Exemplos *

“Vermello coa ira, o alemán dille unha cousa en alemán ao empregado, que bota a correr, co seu rabo latino a danzar a tarantela, até perderse nunha nube de bañistas.” (Manuela Lorenzo: As horas baixas, 2008)

“Polo menos hache cantar fermosas cancións −retrucou irónico, lembrando as tarantelas e as cantigas que o home interpretaba coa guitarra.” (Celia Díaz Núñez: Unha verdade amarga, 2017)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.