Cartolina de forma rectangular que se envía por correo, e que nunha das súas caras leva unha fotografía ou debuxo, e na outra, espazo para pór os datos como o nome ou o enderezo, os selos e o texto
Etimoloxía
Frase formada por “tarxeta” que procede do francés antigo targette 'escudo pequeno' e “postal” adxectivo que se forma sobre “posta” termo italiano que significa ‘lugar onde se cambian os cabalos do servizo de correo’.
Exemplos *
“Todos os días, pola mañá e pola tarde, achegábase á fonda do Parrote unha moza moura, de ollos riscados e moi fermosa por me visitar. As veces que non podía ir, mandábame unha tarxeta postal.” (Hixinio Puentes: O bandido Casanova, 2000)
“De Moncho tivérase noticia poucos días antes: unha tarxeta postal remitida de Hamburgo, pero cunha paisaxe praieira de Punta del Este, Uruguay. Unha liñas de moito cariño e poucas novidades, dando conta da prensa recibida e mais do porto vindeiro: Bahía Blanca.” (Manoel Riveiro Loureiro: O Patrón, 1990)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.